xoves, 23 de xuño de 2016

ACTUACIÓN DUN MAGO

Ola a todos e todas!
Onte rematou o cole en medio de moitas emocións, con algo de tristura porque as despedidas sempre son un pouco amargas e tamén ledicia porque imos comezar o verán e facer todas esas cousas tan divertidas, como ir á praia, ao parque, tomar un helado, non madrugar...
Para rematar esta semana tan curta de cole, o martes recibimos a visita dun mago moi divertido. A verdade é que todos rimos moitísimo coas súas tolerías e quedamos abraiados cos seus trucos de maxia. Por exemplo, vimos como dalgún xeito máxico alongou un corda que ao principio era moi pequena, fixo aparecer moitísimas bolas onde só había unha, sacou moedas de ningures, fixo aparecer unhas palomas moi obedientes e moitas cousas máis. Foi super divertido! Agardamos impacientes outros trucos de maxia para o curso que ven. 
Aquí vos deixamos algunhas imaxes.

E sen mais, despedímonos ata o vindeiro curso. Gozade moito do verán. 
Bicos e apertas.







luns, 20 de xuño de 2016

VISITA DUN OLEIRO

Boas tardes!!
Estamos a piques de rematar o cole, pero nestes tres días que quedan aínda nos agardan algunhas sorpresas. Hoxe, por exemplo, recibimos unha visita diferente e única porque coñecimos a un oleiro xenial que facía unhas pezas de cerámica incribles. A verdade é que todos/as quedamos abraiados co traballo tan fantástico que facía o oleiro. Aprendimos, entón, como se elaboran as pezas con barro, como son as ferramentas de traballo, que este é un traballo artesanal moi antigo, que as pezas poden decorarse con cores, formas...
Gustounos moito! Aquí vos deixamos algunhas imaxes.

Moitos bicos!




xoves, 9 de xuño de 2016

SAÍDA AOS XARDÍNS DE MÉNDEZ NÚÑEZ

Boas tardes!
No día de hoxe os alumnos/as da aula de 5 anos foron de excursión aos xardíns de Méndez Núñez. Alí descubrimos que estábamos nun museo ao aire libre! O monitor explicounos moi ben a historia daquel museo no que nunca repararamos. Así, descubrimos que baixo o chan de pedra dos xardíns hai auga, que a fonte alí presente está dedicada a un poeta moi importante de Galicia: Curros Enríquez, que o Quiosko Alfonso agora é un museo, descubrimos o eco que se produce no palco da música e tocamos instrumentos como se fosemos unha pequena orquestra... En definitiva, pasámolo xenial!























xoves, 2 de xuño de 2016

SAÍDA A MARÍA PITA

Ola a todos/as!
Esta semana os nenos e nenas de 4 anos foron de excursión a María Pita. Pasámolo moi ben e descubrimos a historia desta heroína coruñesa. Quedamos sorprendidos con todo o que aprendimos. Ademais, tivemos moita sorte porque fixo sol e calor, aínda que ao principio parecía que ía chover. Foi un día especial!
A continuación, amosamos un pequeno resumo da nosa saída.

Descubrindo un cofre con tesouros e unha carta sobre a historia de María Pita


Tocando algúns instrumentos que imitaban o son das botas dos soldados ingleses

Formando bolas de papel para recrear a batalla entre os coruñeses e o exército inglés

Colocándonos en dous bandos

Recreando a batalla



Descubrindo o interior do Concello da Coruña

Observando o teito do Concello

Recordando o aprendido xunto á estatua de María Pita



MOITOS BICOS E ATA PRONTO!

sábado, 21 de maio de 2016

LETRAS GALEGAS

Saludos amigos/as!
Hoxe queremos contarvos a festa que este venres fixemos no cole para celebrar o Día das Letras Galegas. A verdade é que xa levábamos días aprendendo moitas cousas sobre Manuel María, autor ao que se lle adica este ano a celebración das Letras Galegas. 
Tamén traballamos o himno de Galicia que os nenos e nenas de Primaria tocaron con frautas e acordeóns, observamos bailes típicos de Galicia e cancións populares que os nenos/as interpretaron moi, pero que moi ben. Así mesmo, cada unha das aulas de Infantil e Primaria elaborou un debuxo baseado nun poema de Manuel María. Con todos estos debuxos creamos un gran mural sobre o autor, exposto na entrada do centro.

Ademais, aproveitamos este día para realizar a entrega de premios do V Certame Literario "Emiila García Barreiro", que sempre celebramos no cole en honor a esta mestra tan querida e apreciada por todos/as. Neste concurso, cada aula de Educacion Infantil elaborarou un conto grupal e o alumnado de Educación Primaria elaborou contos individualmente. Ao final deste día, realizouse a entrega de premios para cada grupo ou alumno/a. Os pequenos/as de Educación Infantil recolleron con moita ledicia o seu premio para compartir con todos os compañeiros/as da aula.
Foi un día xenial!
Moitos bicos!




venres, 29 de abril de 2016

SAÍDA AO PARQUE DE BOMBEIROS

Ola a todos e todas!
Hoxe, os nenos e nenas da clase de 5 anos pasárono en grande porque visitamos o Parque de Bombeiros da Coruña! 
Foi moi divertido e interesante, pois descubrimos moitas cousas novas como as ferramentas que empregan os bombeiros, os seus vehículos, a barra pola que baixan a toda velocidade, os sons de emerxencias, a mangueira... De feito, tivemos moita sorte porque puidemos probarnos os seus traxes e manexar todos e todas unha das súas mangueiras. Ademais, antes de marchar lles entregamos algúns debuxos feitos polos pequenos/as que prometeron expoñer nas súas instalacións.
Foi xenial! Unha experiencia única.

Moitos bicos!

Probando a súa roupa de traballo



Observando como empregan as mangueiras nos seus camións

Probando unha das súas mangueiras!